A Fundación

Fundación dos Comúns é unha rede de colectivos de escala estatal, que se desenvolve en distintos espazos sociais e que está composta por colectivos de traballo cultural e político ao servizo dun proceso de democratización social.

Os nós de implantación estatal son Iruña/Navarra, Barcelona/Terrassa, Zaragoza, Madrid e Málaga. Nestes puntos xeográficos, os centros sociais —Katakrak, Ateneu Candela, a Casa Invisible e Traficantes de Sueños— fan as veces de fogar, en cuxo abrigo se reproducen diferentes grupos de investigación —OMB, La Hidra Cooperativa, A Zofra, OMM e a Ulex— e se realizan os nosos cursos de autoformación, baixo o marco e denominación de Nociones Comunes.

O ADN que configura os órganos do noso corpo fundacional está definido pola autoxestión, a horizontalidade na toma de decisións, a socialización dos recursos materiais e inmateriais e a aposta polo común, no sentido de abrir os nosos espazos ao social e as nosas producións ao acceso universal por medio de licenzas Creative Commons. En suma: democracia e cultura libre.

O soporte material desta maquinaria é unha cuestión central, pois tan só podemos aspirar á consecución dos nosos obxectivos dotando de cada vez de maior estabilidade e consistencia as nosas empresas produtivas. A nosa vocación é xerar comunidades de afecto e alianzas políticas baseadas na capacidade de soster as vidas das persoas que nos implicamos neste envite de fundir traballo e compromiso político, para convertelo nunha forma de vida.

Concretamente, cada dispositivo asegura de xeito autónomo o seu propio financiamento por medio de diferentes actividades produtivas —librarías, editorial, etc.—. Pola súa banda, a Fundación trata de obter recursos para o conxunto, vía convenios de colaboración con outras institucións, presentación de proxectos a convocatorias de escala europea ou estatal e petición de fondos de apoio a outras entidades xurídicas de carácter privado. Tamén contamos cunha carteira de aliados e aliadas, cuxas doazóns, xenerosas e regulares, son fundamentais para o noso sostén.

Todo este complexo armazón co gallo de contribuír, con todas as nosas forzas, ao proceso de transformación social capaz de democratizar económica e politicamente as nosas formas de organizar o común. Unha contribución que adopta a forma de produción de novos paradigmas de interpretación da realidade, declinados en investigacións, análises, discursos ou espazos de autoformación.

Comparte: